Un paseo por A Cova

Venres 10 de Xullo de 2020

Un paseo por A Cova

 

Para planificar unhas vacacións na Ribeira Sacra hai que ter en conta, primeiro de todo, que a oferta turística e cultural non é precisamente pequena. Máis de 70 templos  románicos, fermosos espazos naturais  e infinitos roteiros de sendeirismo que os percorren, innumerables miradoiros, cinco subzonas vinícolas, incontables casas rurais e locais de restauración, deportes acuáticos, festas relixiosas e pagás, enoturismo … Decidir que ver, xa de seu, pode ser unha decisión complicada. Pero se temos en conta, ademais, que todos eses lugares e actividades se  espallan por vinte e un concellos, dúas provincias e 180 km cadrados e que a rede de transporte público é bastante mellorable, é probable que non saibamos nin por onde empezar. Cantos días necesitaremos? Como escoller o noso roteiro sen ter que facer decenas de quilómetros entre un destino e outro? Como facer unha visita a unha adega sen ter que preocuparse do coche durante horas? En definitiva, é posible irse con todos os “imprescindibles” marcados sen volverse tolos cos preparativos? A resposta é un rotundo si. Hai un lugar á beira do río Miño no que se condensan todos os encantos da Ribeira Sacra en só 5 km de estrada: o conxunto  etnográfico que forman as parroquias da  Cova e  Fión, no concello do Saviñao. 

 

Neste enclave traza o Miño o seu  meandro máis soado, O Cabo  do Mundo, unha das iconas da comarca e, sen dúbida, unha das visitas obrigadas. Ao longo de toda a ladeira hai varios miradoiros, tanto naturais como acondicionados, para poder contemplar a impresionante panorámica e admirarse con este capricho da natureza. 


A este lado do río, a paisaxe é moi distinta. Os vestixios de máis de dous mil anos de historia acumúlanse nesta ribeira, resistindo o paso do tempo aferrados ás colosais terrazas que os sosteñen. Durante este dous mil anos, mulleres e homes modificaron (e modifican aínda hoxe en día) a contorna para poder facer habitables e produtivas as agrestes ladeiras. Un traballo de heroes, sen dúbida. Á vez que  esculpían o terreo, eses homes e mulleres foron  esculpindo tamén a alma desta terra, xurdida das súas mans. Unha alma que sente en canto se pon un pé aquí, porque brota dos bancales, despréndese das rochas e precipítase en fervenza pola ribeira, dándolle á  Cova a súa característica máis intrínseca e arraigada: a viticultura. En Unha historia de auga e viño explicamos en máis detalle o estreito vínculo entre os habitantes da ribeira e a súa contorna ao longo do tempo.

 
Na  Cova nácese sabendo facer viño. Lévase no sangue e vívese desde a infancia. Os traballos nas  viñas condicionan a vida dos seus habitantes e ocupa gran parte do seu tempo. A vendima serve, ademais de para a obtención dos apreciados caldos, para reunirse con familia e amigos, máis mesmo que o Nadal ou a celebración do patrón. Non hai escusa que valla para faltar á vendima. A viticultura aquí é moito máis que tradición ou negocio. É unha forma de vida. A esa forma de vida débese a familia Moure. 

 
A desamortización do  s. XIX serviu para que a familia se fixése cunhas poucas viñas que foron pasando de xeración en xeración. En 1958 José Moure funda  Adegas Moure - Abadía da  Cova. Sesenta anos despois e cos netos de José ao mando, no espírito da adega mantense intacta a paixón pola viticultura e o amor a esta terra. Hai varias opcións para visitar a adega. Podes reservar algunha das opcións de visitas guiadas, nas que, ademais de probar os nosos viños,  Anxo, o noso estupendo guía, fará que vos vaiades con algunhas nocións técnicas e, esperamos, cun bo sabor de boca. Se prefires algo máis informal, unha copa de viño e un  picoteo no noso  winebar, O Faiado da Abadía, gozando das vistas desde o noso miradoiro. Ambas opcións non son incompatibles, en calquera caso.

 
Pero o noso patrimonio etnográfico non se limita á viticultura. Na parte máis alta da ladeira atópase o Ecomuseo de  Arxeriz, seguramente o mellor lugar da comarca para mergullarse na historia e a tradición tanto deste grupo de aldeas, como da Ribeira Sacra en xeral. Desde un castro datado no III a. n.e. ata un pazo rehabilitado, pasando por embarcacións tradicionais, traxes típicos e multitude de ferramentas e obxectos de distintas épocas e para os máis diversos labores. O conxunto é magnífico e non te deixará indiferente. 


Moi preto do museo atópase o pazo Torre Vilariño, unha das casas rurais máis coñecidas de toda a Ribeira Sacra e a primeira que se abriu ao público en Galicia. Merece a pena pola comida caseira, a contorna acolledora, as bonitas zonas axardinadas, as estancias tradicionais rehabilitadas e os numerosos utensilios e ferramentas antigos esparexidos por toda a propiedade, pero merece a pena moito máis porque ten un encanto que é difícil describir con palabras.

   
Os amantes do sendeirismo teñen que saber que a uns 200 metros de Torre Vilariño pasa o  Camiño de  Inverno, unha variante do Camiño de Santiago francés que servía para evitar as inclemencias climatolóxicas, a miúdo máis severas, da cordilleira dos Ancares. Aínda que é, probablemente,  máis coñecido de tódolos roteiros que pasan pola zona, non é o único. Se queres descubrir a zona a pé, non che faltarán camiños que explorar nin marabillas que atopar ao teu paso. Catro quilómetros cadrados de sensacións, de recunchos que parecen detidos no tempo e de lugares únicos. Lugares como a praia fluvial, un pequeno areal de area branca e fina onde ademais de refrescarnos nos sufocantes días de verán, podemos acudir ao Restaurante Praia da  Cova para practicar deportes acuáticos ou gozar das súas instalacións de hostalería. 


Outro dos acenos de identidade da Ribeira Sacra, a arte Románica, tamén está presente. San Martiño da  Cova e San Lourenzo de  Fión son dúas fermosas construcións procedentes do s. XII e que conservan na súa arquitectura, a pesar das reformas sufridas durante estes séculos, a esencia da súa fábrica  románica e tamén interesantes achegas doutras épocas. Ambas igrexas atópanse habitualmente pechadas e só abren os días nos que se realizan actos relixiosos. Para poder visitalas e coñecer en profundidade a súa historia, aconsellámosvos contactar con algunha das empresas de turismo locais. Con  Novas Rutas ademais de visitar o interior de leste e outros moitos templos, poderedes gozar dos encantos desta terra da man de guías da zona.  


Quizais haxa algún outro lugar na Ribeira Sacra que conteña en só 2 km cadrados todo o que che contamos, pero se existe, non o coñecemos.  
  
  
  
Distancias:  
  
Escairón: 6,6 km  
  
Monforte de Lemos: 25,7 km  
  
Chantada: 20,9 km  
  
Castro Caldelas: 51,9 km  
  
Lugo: 75 km  
  
Ourense: 40 km  
  
Vigo: 136 km  
  
Pontevedra: 153 km  
  
Santiago de Compostela: 140 km  
  
A Coruña: 175 km 

Deixa o teu comentario

Cómpre encher todos os campos marcados cun (*)
Esta web emprega cookies. Se continúas navegando entendemos que aceptas a nosa Política de cookies.